O sábado presentei Cabaret Voltaire en Ribadeo. Era obrigado. Entre os meus amigos e os amigos dos meus pais dei xuntadas unhas vinte persoas; unha multitude para escoitar falar sobre un libro. Coma procuro, fun só, a corpo descuberto e sen adulador. Referín unha anécdota que aparece no libro: no ano 1942 o cónsul inglés en Ribadeo paseaba unha noite co médico políglota Mario López Durá (o pai dos López Rico do BNG) pola baixada da Vilavella cara ao peirao de Figueirúa (agora chamado Mirasol) e alguén disparou contra eles dende o antigo cemiterio (agora, divertidamente, está aló o parador de turismo).

Non me atrevín eu a afirmar a veracidade do suceso, pero, ao cabo do acto, achegóuseme Daniel Cortezón para confirmarmo. Apuntou que, sendo el mancebo na botica de Sarmiento, chegou o cónsul para informalo de que os aliados desembarcaran en Normandía unha hora antes. Cortezón estaba daquela, con 18 anos, integrada nunha organización aliadófila integrada por comunistas ribadenses ("Os comunistas levamos as hostias todas, non sei onde estaban daquela os socialistas"). A organización, tan clandestina que nin nome tiña, estaba estruturada en células de tres persoas e ningún membro coñecía a mais ca outros dous por seguridade. A súa función era informar dos movementos dos barcos nazis no porto de Ribadeo á mariña británica, que agardaba por eles en mar aberto. Así, lembra cómo informaron de dous navíos que viñeron buscar peixe enlatado a unha fábrica de conservas que funcionaba na Vilavella. O destino era auxiliar a unidades do exército alemán que quedaran ailladas e famentas en Francia.

Unha noite correuse a voz de que caera Salgado, o responsable da organización, e de que lle estaban dando unha malleira no posto da Garda Civil (no Cuartel Vello, en Vilaselán). Daniel Cortezón durmía no faiado da súa casa, no muelle de Porcillán. E durmía cando o seu pai, recén saído do cárcere como preso político, invadiu a habitación bruscamente, sen folgos. Colleu un tallo e subiu para remexer nunha trabe. Quitara uns papeis.

-¿Que fas, papá?

-Nada, Daniel, segue durmindo.

-¿Pero, papá, que vas facer con eses papeis?

-Nada, fillo. Son cousas miñas.

-¿Pero que poñen eses papeis?

-Son cousas de política.

-¿Queres queimalos polo de Salgado?

-¡Si, pero deixa o tema!

-Papá.

-¿Que?

-Eu tamén estou nesa organización.

Daniel Cortezón lembra que nunca lle caeu ballón de maiores dimensións na súa vida. Aos poucos días, Salgado saiu do Cuartel Vello cheo de mazaduras. Disque daba mágoa miralo, mais non denunciara a ninguén. E coñecía a todos.