Manuel Veiga entrevístame para A Nosa Terra co gallo do Cabaret Voltaire. Ademáis de exercer de perodista, é un bo profesional e le os libros sobre os que vai preguntar. Confirmo o lugar común de que hai tantas novelas como lectores. Mesmo hai moitas novelas dentro da novela que cada escritor concibe: ao longo dos dous ou tres anos que pasan ata que unha novela chega a termo, a visión que o narrador ten do seu texto (por moi fixado que estea) vai mudando segundo as súas circunstancias persoais e as súas lecturas. Manuel Veiga leu un texto diferente ao que teño eu agora na cabeza e debatemos sobre ese contraste:eu falaba de identidades individuais e colectivas, el sobre o despegue sobre o realismo aparente da obra. Ramón Loureiro falábame onte de que el lera en CV un xeito de poñer en diálogo a nosa cultura con outras. Veiga e mais eu acabamos comentando o meu interese pola literatura alemana escrita en Austria. Dime: "A mín tamén me interesa; pero non sei se os mesmos autores ca ti. Hai tantos". A frase queda en vía morta porque a miña muller agarda no Mercadona con dous carros, pero logo reflexiono que os oito millóns de austríacos dan para Schnitzler, Canetti, Bernhard, Handke, Jelineck, Winkler,...