Manuel Bragado e Manuel Rivas presentaron Os libros arden mal aos libreiros nun xantar que se desenvolveu este mediodía. Xa loubei esta iniciativa que Xerais empezou aplicando coas novidades de Agustín Fernández Paz e Suso de Toro e que se notou cunha maior presenza das súas obras nos escaparates. Considero que os libreiros merecen unha atención concreta por seren potenciais recomendadores de lecturas nun 60 por cento dos casos (di unha recente enquisa británica que esa porcentaxe de compradores entra nos seus locais sen unha decisión). O que agradecería agora a moitos propietarios de librarías é que reservasen un oquiño para a edición do país que se fai na lingua do pais. Hai tempo decidín deixar de mercar nas librarías que non expoñen cando menos un libro en galego no escaparate.