ENTRE O 'PENSO QUE NON' E O 'NON'
Botaba en falla a Aníbal Malvar dende hai tempo; dende Á de mosca, concretamente. Confiaba en que Pedro J. despedise o meu autor de polar favorito e que el debese varios meses de aluguer na casa da serra madrileña na que decidiu afastarse da narcofición. A Malvar non lle coñecín outro pulo para escribir co de deber cartos. Aínda confío en que iso aconteza. Polo de agora achei un remedio moi solvente na lectura de Ollos de auga, a primeira e maxistral novela de Domingo Villar. O debutante vigués (que se estrea con triplete: publicando en Galaxia o orixinal e traducións en Siruela e Feltrinelli) manexa o estilo contando unha historia con ritmo e precisión, facendo un estupendo exercicio de narrativismo e evitando ese dicionarismo que tanto entusiasma neste país. Non lle faltan a ironía, nin os coñecementos de estruturas nin de construción de personaxes. O máis logrado é o axudante do inspector, un aragonés brután, que vive desconcertado pola indefinición galega e lle pregunta ao seu superior: "¿Cando esta señora di penso que non quere dicir que non?".