Disque un dos nosos grandes concorreu cunha novela ao Premio de Relatos por Entregas da Voz. Desta volta non foi finalista. Este comentario non pasa de ser unha apreciación porque o seu nome queda reservado pola plica. Leo en excesivas ocasións que cando un gaña un galardón dos cinco economicamente grandes, non debe volver a presentarse a ningún outro que teña menor dotación. A maiores de ter unha visión monetaria da importancia dos premios, esta postura ofrece unha ollada limitada do que é unha carreira literaria, na que os galardóns animan a presenza pública dos autores e a dotación anima as sentadas diante do ordenador. Dende logo, o autor debería volver intentalo o ano que vén.