O Cabaret Voltaire reabre hoxe despois dun mes de estadía do hostaleiro no balneario de Baden-Baden. As miñas ocupacións deste tempo, escasas, mais largacías, supuxeron atrancos serios para ler. Con todo, dei gozado de Corredores de sombra de Agustíin Fernández Paz. Collín a obra con escasa gaña porque todo este revival literario sobre a colleita do 36 fai que concorde con Teresa Moure, quen hiperbolizaba bromeando a verdade de que hai que prohibir as novelas sobre a contienda. Tamén sobre a espeluznante represión posterior, engado. Pero Corredores de sombra é moito máis ca unha novela para remontarse a denunciar o acontecido hai setenta anos, é unha magnífica novela negra, á que lle porei a única chata de que ofrece pistas de máis para a solución final. Imaxino que o autor introduciu esas claves tendo en conta que o libro vai dirixido a rapaces. Aínda así, Fernández Paz fai un final que se abre a numerosos fíos interpretativos.