Descubro tarde e por casualidade unha mala crítica de Cabaret Voltaire en La Cueva de Zaratustra. A crítica é mala porque a miña novela non lle gustou un carallo ao seu autor, Manuel Rodríguez Alonso; eu non vou chistar porque teño que asumilo. A crítica é mala por un segundo motivo, porque resulta pretenciosa, malia que estea feita por unha persoa que semella ter un certo coñecemento de novelística e abondo de lingua. O problema de base do seu comentario é decidir (ignoro con qué xustificación) que eu pretendín facer unha novela de espías, e nin cheirar a intención paródica (obvia se reparase o destino da xoia que procuran todos os espías: acaba na cisterna dun báter). Mais avanzando a crítica, Rodríguez Alonso muda a mina intención na escrita de Cabaret Voltaire cara o realismo máxico (non hai unha liña do libro no que eu escriba que a protagonista é realmente unha serea, pode finxir selo) e acaba afirmando que a novela é histórica (¿¿¿¿¿histórica?????). A descrición de Berlín acáelle de axencia de viaxes, o que di moito bo das axencias de viaxes, porque está realizada tras dúas estadías na capital alemá.