Unha caste de intelectual que me rilla no fígado é esa, tan abundante, que, orfa doutros méritos que o de dispor dunha columna nun xornal ou dun tempo para opinar nunha radiotelevisión, consagra esa sorte a queixarse da nula atención que a sociedade do tomate lles concede. Ignoro para que queren esa atención de semellante fato, mais iso non evita que cuestione a quen destino as miñas coordenadas económico-temporais cando merco un xornal e, nomeadamente, a quen destino os meus impostos cando, convencido da súa utilidade, os abono para que financien os da ladaíña inaturable. Amais desa caste, hai figuras soltas e exóticas que admiro pola súa discreción e mesmo hainas que me fan sorrir polo seu afán de estaren e asemade aparetaren todo o contrario. Cicerón escribiu que "mesmo os filósofos fan constar os seus nomes nos libros que escriben sobre o desprezo a gloria". A cita é dun libro que lin vai para un mes e que aínda non dei comentado. Todos gañaríamos se deixase de disimular porque, polo lido desta volta e doutras, este rapaz ten moito e moi bo co que fornecernos.