Unha visita a Ribadeo serveume para aumentar o meu fondo de armario. Incorporei unha Wolkswagen do máis surfeira, un bote de Cola Cao e un casette dos Bee Gees. Gustábame tamén unha cunha magdalena, pero non había da miña talla. As camisetas rondan os 30 euros, mais a calidade e a comodidade son consontes. Teñen a incomodidade (cada vez máis habitual) das etiquetas colocadas directamente contra as lardas, que rañan a cada paso que dás; un tesoirazo abonda para solucionar o problema. As tres son de Cállate La Boca, unha firma donostiarra que afronta con temeridade o uso da estética de dúas marcas poderosas. A maiores, un meu irmán e máis a súa muller agasalláronme cunha outra camisola, dunha casa da que xa tivera unha e acabou co debuxo derretido pola prancha. Os traballos de Artlusa teñen bastante coña, porque indican a pronuncia portuguesa e arrevesada dos motivos que presentan. A muller teimou tamén en que mercase unha marrón lisa, é dicir, aburrida e case que non a puxen. Esas novas incorporacións, máis un galano anterior (mágoa que destinxa co lavado, porque gusto moito dela) e unha compra inesperada (o butaneiro-Sex Machine), sírvenme para encarar o outono con maior tranquilidade textil. As camisetas galegas con mensaxe nacional-retranqueira empeza a cansarme; aínda teño unha chea delas, pero non sei se volverei mercalas. ¡A anovarse, señores!