O gravado adoita mirarse como arte menor. Mesmo eu o teño pensado. Barceló convenceume onte do contrario cando paseei pola mostra de obra gráfica dos últimos vinte anos que mirei no Museo Provincial de Lugo. As tauromaquias dos noventa non me chamaron, con seren diferentes; será que o que non me chama é o tema. Pero a serie feita en Mali rachoume. As cabras camiñando rebentadas e desesperadas polo deserto... a luz, traballado en litografías vernizadas, amósase desafiante. E o remate feliz foi a serie Lanzarote. Brutal, selvaxe, ... as pelexas de cans, as cabezas de peixes, os mares engalernados... un gozo.