04 mars 2008
ESCRITOR, ESCRITOR, ESCRITOR E O MUSEO DE LUGO
Hai aínda un par de días que me volveron co ruxerruxe de que un escritor concreto ía ser director do Museo Provincial de Lugo. O escritor, ao que desculpen que non cite porque está farto de ser citado como candidato, rexeita tal candidatura (coma sempre fixo, por outra banda). Agora soa outro escritor como candidato dentro dunha terna da que se desbota a outro candidato que escribe Historia porque está xubilado e eu non vexo claro que o tercerio ternario vaia deixar o seu posto polo de director do MPL. Outro escritor, aí si que lle vexo lóxica pola súa experiencia eficaz, é anunciado como director de Publicacións. A todo isto, non comprendo para que teiman en nomear director, cando o museo leva case que unha década vivindo a mellor etapa da súa historia co cargo sen ocupar oficialmente.
AGRIMENSOR MURADO
Son días murados. Agasállanme cunha reprodución da escultura que Murado fixo para o centenario. O anagrama gústame: é unha árbore vermella (vida pola que flúe o sangue). Cumpre as tres eses: é sinxelo, sintético e simbólico. Máis Murado: Miguel Anxo tira o martes novo libro: Fin de século en Palestina. Galaxia edita as 376 páxinas do volume no que o escritor lugués narra a súa perda de virxinidade orientemediá. É unha novela na que narra a súa chegada ao protectorado israelí para asesorar ao goberno palestino como "un dos maiores expertos do seu país en estatística agraria". Entre as curiosidades, Miguel Anxo conta o xeito no que preparou a visita de dúas estrelas da música lixeira. Seica o texto soborda retranca. Eu, dende logo, nunca lin nada tan divertido e acertado na busca da extravagancia como Caderno de Xapón.