A vida nova está abeirando un debate longo e, por veces, interesante. Aínda sería maior o interese se o presentador non teimase en ser protagonista e abroncar aos intervintes. Hai un retruque de I (eu respectarei o alcume, non entendo ese ferofascismo de andar fuchicando nos IP's para publicar os nomes e menos cando o espectador fala con corrección) que me está dando para reflexionar no que atinxe a un defecto meu que creo identificar e deberei solucionar. A respecto da mesura que pide I, estou, como imaxinan, en desacordo. A literatura, niso cadro con Caneiro, debe de ter un compoñente de paixón e de espectáculo, non pode ser unha amable conversa sobre o clima (o que estuda a meteroloxía). Corto e copio:

on Agosto 25, 2008 at 10:01 pm l

Deixei de ler a novela de Caneiro cando me caiu das mans, moi pronto por certo.
Observo certo empecinamento con este autor, como se fose a víctima propiciatoria para certos críticos, creo que é porque se presta, lucindo esa combinación de autismo e soberbia. Digo empecinamenteo porque contrasta coa excesiva valoración de outros, como Rivas ou mais actualmente Marcos calveiro. Non é xusto invalidar a obra de ningún autor con catro trazos, sen argumentar cun mínimo xuizo literario, tampouco é xusto inflacionar as opinións, sen rigor ningún e louvar o que ven reseñado para louvar, a quen é correctamente louvabel. Sabemos que todo remata en facer leña da árbore caida, e en pelotear cas firmas de “prestixio”. Quen pode, cunha formación literaria defender a estructura de “os libros arden mal”?, por moito que a edulcore, previsibelmente o autor?. Que é unha novela cunha mala estructura?.
Caneiro non é un grande escritor, ten un limitado talento, apreciable na súa obra, pero non por esto Rivas é un xenio, RIvas é un escritor mediocre cun respetabel grao de acabado. Jaureguizar é capaz as veces nalgúnhas páxinas de crear clima, que non mantén, non sei se porque non é capaz ou por preguiza, pero non adocece completamente de talento. En fin amigos, creo que estamos entre intelixencias bastante normais, cuns talentos que non exceden a riqueza do común, pero respetabeis, como respetabel é adicarse a escrita.
Eu pido mesura, o que non quita mostrar as valoracións directamente, pero sen esquecer o contexto, os límites da nosa análise, e sen deixarnos arrastrar pola primeiras inclinacións, que curiosamente tenden a cegarnos e por tanto a repetir, a regodearnos coa caida da victima e a alimentar a vaidade do triunfador.