mardi 16 septembre 2008
MODIANO E DEBORD TOMAN CAFÉ
O pasado luns publiquei n'El Progreso un artigo sobre o novo libro de Modiano. Xa que non puidemos ler o anterior e impresionante Un pedigree na nosa lingua, confiemos en que non aconteza o mesmo con este. O artigo vai dese lado da barra (en comentarios) para non entorpecer o movemento no cabaret.
Commentaires sur MODIANO E DEBORD TOMAN CAFÉ
Nouveau commentaire


Jaureguizar
Patrick Modiano dá outra volta sobre si propio co seu último libro ‘Dans le café de la jeunesse perdue’ (Gallimard; ‘En el café de la juventud perdida’, Anagrama). A primeira entrega desta procura da súa identidade comezou con ‘Un pedigree’ (Gallimard; ‘Un pedigrí’, Anarama). Nesa primeira entrega, o escritor era un neno chorando a soedade e saíndo ás avenidas grandes e frías de París para forzar un encontro cos seus pais: un negociante xudeu e unha actriz flamenca.
A consecuencia de pasar a infancia de internado en internado é que todo o que coñeceu Modiano a respecto dos seus proxenitores foron pezas dun puzzle que non encaixaban de todo. Sabe que, sendo cativo, os seus país divorcianse, o seu irmán morre, a súa nai non logra ser contratada e o seu pai trafica con ouro e divisas na Francia ocupada. «Son un cadelo que fai como que ten pedigrí. A miña nai e o meu pai no pertencen a ningún ambiente concreto. Tan levados de acó para acolá, tan incertos que non me queda máis remedio que esforzarme por atopar unhas cantas pegadas e unhas cantas balizas nesas areas movedizas», escribe nese libro,que é de memorias, pero non de lembranzas porque nunca manifesta os seus sentimentos, o que resulta máis estarrecedor.
‘No café da mocidade perdida’ é un texto de fición, pero non deixa de ser unha continuidade de ‘Un pedigrí’. O novelista fala da súa mocidade de café en café, que para el era andar de fogar en fogar. Nesas cafetarías de París buscaba un pai diferente a ese que chegaba a acordos cos nazis que pretendían erradicar o seu pobo e buscaba unha biografía nova. Neste segundo libro, Patrick Modiano refire unha norteamericana vinteañeira que o convidaba aos cafés de Saint Germain cando el tiña «oito ou nove anos». A rapaza tiña dous amigos «que frecuentaran a Guy Debord» neses lugares.
Modiano confesa que «eu tamén o lera tardeiramente, e soamente os seus textos autobriográficos, coma ‘Panexírico’... os textos políticos non me interesaban». Ao escritor, a literatura de Debord meteuselle coma un fungueiro co que lle furasen no peito.
A influencia é tan grande que este novo texto colle o seu título dunha cita de Debord: «Na metade do camiño da verdadeira vida, ficamos envoltos por unha sombriza morriña, que explicaron tantas palabras burlonas e tristes, no café da mocidade perdida».
Guy Debord argallou o situacionismo baseándose na denuncia da mentira que distrae aos traballadores das súas miserias. Contouno en ‘A sociedade do espectáculo’ (Anagrama), denunciando o espectáculo como modo de facer producir aos desencantados. Os cafés nos que denunciou esa falsidade son agora dominios do espectáculo nos que os desencantandos miran os partidos do Paris Saint Germain.