Ricardo é o personaxe central da miña nova novela, O globo de Shakespeare; cando menos iso lle gusta pensar a el. É xiboso, polo que o seu pai decidiu chamalo Ricardo. Ten uns cincuenta anos e vive dende sempre no pazo familiar onde o atende Celia Mandiás, á que el chama Señora Quickly. Devoto de Shakespeare (e tamén de Leandro, o seu pai) sente paixón polo teatro, aínda que careza de talento para crealo. Personifica o fracaso, que lle provoca unha desesperación que el repercute no seu amigo o escritor de éxito Sebe. Está convencido de que manipula ás persoas que ten ao redor. A súa habelencia coas mans permítiulle facerse un teatro na casa e ducias de monicreques. Anda sempre cun boneco na man porque así pode manterse nun segundo plano e non ter que enfrontar a realidade. Está divorciado da súa muller, Rosalía, coa que ten tres fillos: Hamnet, Xiá e Susana. Xanta con eles todos os días no piso no que viven. O seu carácter é caótico, desordeado, irascible, botaporela, caprichoso, sentimental, cruel, xeneroso, arroutado.