Corsario comentaba o outro día nunha tertulia que se formou no curruncho do Cabaret Voltaire que fica ao pé do escenario (andaba alí o xeneroso de Ramón Nicolás) que "ten a súa novela compoñentes do tan traído monólogo interior (unha definición válida, ese costume por poñerlle nome ás cousas), de diálogo múltiple, de travelling cinematográfico e mesmo algúns compoñentes televisivos, quizais a fragmentación..." Daquela calei, pero pensaba arestora que Corsario (el saberá o seu nome real, no Cabaret non somos entremetidos) acertou co meu xeito de narrar, inevitablemente e felizmente determinado polo cine e o tebeo: miro unha escea na miña imaxinación e vou describíndoa para narrala; unha vez vou avanzando nos borradores, trato de visualizala coma unha película e facer labor de montaxe, curtando todo o que lle resta ritmo á filmación ou todo aquilo que é innecesario para comprender a historia ou imaxinala por parte do lector.