A presentación d'O globo de Shakespeare o pasado sábado en Ribadeo foi emocionante. A Casa das Letras encheuse de xente malia a friaxe e o Barça. Farruco Graña presentoume no nome da Asociación Cultural Francisco Lanza, que promoveu o acto, algo que eu agradezo porque non é habitual que te chamen do teu pobo senón é por unha factura impagada do gas. Farruco emocionoume pedindo que algún día un globo sobrevoase a ría de Ribadeo, como acontece na novela. Logo veu un diálogo con Gonzalo Moure, sobre o que sempre lamento que deixase o periodismo para vivir de cuestións máis importantes. Optamos pola fórmula do diálogo porque me irrita escoitar a un tipo falando estupendamente dun libro meu dado que non podo evitar pensar en que todos os defectos que está calando, e porque é unha fórmula máis áxil e divertida para o público. Gonzalo foi ao cerne da novela con todo o acerto do bo xornalista que non deixou de ser: o espectáculo, o pop, o traballo de personaxes, a dobre lectura (entre a tona de intriga e a mar tendida da condición humana),...