Luís Rei Núñez gañou o Premio Blanco Amor coa novela 'Monte Louro', unha pescuda biográfica nun personaxe de fición entre o Muros dos corenta, a Barcelona dos 60 e unha Arxentina máis próxima no tempo. Entendo que será publicada por Xerais, como todo o anterior do gañador, a diferenza do que aconteceu nos últimos anos. A decisión foi unánime, malia que se decidiu mencionar dúas finalistas. A primeira foi 'O pasado está por vir' e a segunda, 'Un último destino'. Aledoume do conxunto das novelas presentadas, un reflexo do que vai a nosa literatura nos vindeiros anos, que empezamos a esquecer a memoria histórica, mesmo a memoria en si propia, e falamos máis de relacións persoais desenvolvidas na actualidade. A xuntanza foi ben divertida, tocoume por idade presidir o xurado, pero logo todos caeron na conta da miña incapacidade para organizar algo alén unha partida de parchís e de un modo tácito (ou sexa elegante) Armando Requeixo asumiu a presidencia da mesa do parlamento. Requeixo foi fiel ao seu carácter falangueiro e divertido; Emilio Ínsua, do seu bo ollo lector, e Inma López Silva, da longa experiencia premiando e premiada. Olalla Cociña sorprendeume polo seu sentido do humor, sobre todo, asumindo con chanzas as miñas críticas á presenza de poetas nos xurados de narrativa. Neves Cando, polo organizador Concello de Burela, amosouse todo o discreta que precisábamos no seu papel de mantedora. Ando tan enleado cunha novela que debo entregar nunha semana que este comentario ía ser outra desas mensaxes de Twitter que escribo ultimamente, pero Inma afeoume a conduta, así que vai tan longo por ela.
Commentaires sur LUÍS REI NÚÑEZ GAÑA O 'BLANCO AMOR'
- Vendo os integrantes do xurado, sorprende a elección dunha opción tan conservadora coma a de Luis Rei. Oxalá Monte Louro nos sorprenda.
- O dos poetas é unha xeralización, obviamente, pero gústame pouco ler que unha novela gaña un premio polo seu lirismo cando non leo que un poemario sae premiado polo seu narrativismo. Con vostede divertínme arreo. Teño amigos poetas (xúrollo) con sentido do humor.
O aniversario non era da miña filla, expliqueime mal; pero a cativa ten unha vida social masiva e non pode perder un sarao (chámase Sara por algo). Aínda me deu tempo a comer ás présas e levala ao cumpreanos. - Non o dubido! O meu comentario referíase a que, se cadra, o tipo de escrita que vostede defende -a importancia das tramas, non excesiva "vontade de estilo", querencia pola literatura de xénero- non me encaixa moito co que teño lido de Luis Rei. Pero é evidente que un pode distinguir a calidade naqueles libros que a un non lle gustan tanto coma outros aparentemente menos "profundos". Si que é boa noticia que as novelas presentadas xirasen en torno ás relacións humanas na actualidade, que para axustar contas coa memoria, mellor facer política.
Saúdos.
Nouveau commentaire