ROSA ANEIROS AO CADRADO NO OUTONO
Aneiros fala de Sol de Inverno e Ás de bolboreta, que saen en outono, na Voz. Trátase de dúas obras moi diferentes entre si, segundo explica a súa autora, e non só por estar dirixidas a públicos de idades ben distintas: « Sol de inverno -sinala Rosa- aborda a singradura vital da súa protagonista desde a súa infancia na aldea de Antes, pasando por todos os lugares que marcan o seu percorrido vital (Barcelona, París, A Habana...), e é unha historia de longo alento, que fala da vida dunha muller e do seu desexo de regresar ao paraíso perdido. En cambio, Ás de bolboreta , ademais de estar pensada para un público moito máis novo, non de adultos, senón de lectores de 12 ou 13 ou 14 anos, é un libro que transcorre nunha soa mañá, con historias cruzadas que en moitos casos arrincan noutros lugares, pero que conflúen nun mesmo espazo e nun mesmo tempo». «É a primeira vez que publico dous libros de maneira simultánea e para públicos tan diferentes -engade a escritora-; para min é un reto. Non só porque sexan distintos os públicos aos que van destinados, senón porque ademais son moi distintas a historias. E por tanto, moi diferentes as maneiras de contalas".

