A MORTE é un dos xéneros periodísticos máis fertis. O pasado é coma un tobogán posto do revés que vai xirando e sempre volve. Veñen de morrer a Lucy que inspirou a Lennon para a canción ‘Lucy no ceo con diamantes’ e Susan Atkins, a besta que acoitelou á Sharon Tate inspirada por Charles Manson. O pasado tamén está de visita no cárcere de cinco estrelas onde Roman Polanski agarda para eludir ser xulgdo por violar unha nena en 1977 tras aparvala cunha promesa dun sesión fotográfica para ‘Vogue’, champán e metacualona. ‘Lucy in the Sky with Diamonds’ interpretouse coma a descripción dunha viaxe, de Lennon flotando nunha enxurrada de LSD polas iniciais do título. Non era máis ca unha letra inspirada polo debuxo que o seu cativo Julian fixera dunha compañeira de gardería. Outra interpretación perversa dunha canción dos Beatles foi o ‘Helter Skelter’. Charles Manson botaba o día cantaruxándoa porque el deducira que advertía dunha revolta dos negros contra os brancos da que soamente se salvarían quen pedise consello a un grupo supervivinte ario: A Familia. A súa convición empuxouno a mandar asasinar a Sharon Tate, daquela muller de Polanski, e pintar nas paredes, ‘Helter Skleter’, o nome dun tobogán infantil dos parques ingleses.

(artigo para El Progreso)