ROBERTO Varela anunciou ao aterrar en Cultura que apostaría por internacionalizar a nosa literatura. Bugallo puxo a maquinaria nesa dirección e un sector dos seus, máis partidario de investir en facsímiles de Pintos ou Lamas Carvajal, botoulle auga nos pistóns. Con todo, o actual conselleiro semellaba decidido, pero a compresión do seu orzamento empuxouno a suprimir as axudas á tradución. Asemade proclamaba que a nosa creación literaria había de estar en canta feira mundial haxa. Moitos concordan en evitar embarcanos no cruceiro ‘Vacaciones en el mar’ que foi a La Habana, pero o maior erro non foi o custo, senón acudir sen versións en español. Non ten lóxica que vaiamos outra vez ao Liber ou a Frankfurt deste ano sen traducir ao inglés e ao castelán textos dos autores que nos representen; abondounos coa experiencia cubana. O director xeral de Cultura rectificou esta semana a decisión de sermos o único país con TDT que non favorece un fluxo literario de ida e vinda. Francisco López situou o criterio para estes certames na «rendibilidade» por riba dos de «amiguismo e utilización partidaria» que atribuiu a Bugallo. Seguindo ese criteiro, os enviados deberían ser os supervendas Domingo Villar ou Benigno Campos, pero serán autores que asoman contadamente nas listas de éxitos, como Carlos Reigosa, Luísa Castro, María Canosa e Caneiro (Liber) ou Marina Mayoral, Alfredo Conde e Vicente Aragüas (Frankfurt). Se botamos conta das obras que poden amosar en linguas que se lean en Europa poida que nos sobren varios dedos dunha man. Xa o escribiu Lampedusa: «Se queremos que todo siga igual, precisamos que todo cambie».

(Artigo para El Progreso)