EU COMPRENDO que os idiomas con tempos compostos parecen máis precisos e solemnes que os carentes deles. Mesmo sospeito que se o galego tivese tempos compostos en Galicia habería complexo de inferioridade cara ao idioma propio. De feito, abondan os falantes de novo que recorren a tempos compostos e emiten fraseados tan harmónicos como “hemos estudiao o asunto”. O tempo composto ten outro empaque, a verdade. Aínda lembraba Feijoo o outro día que nos abre canle de transmisión con 200 millóns de lusófonos. Quero pensar que se diríxía aos pais de alumnos que todos os días nos esixen que lles explicamos para que serve o galego, como se as linguas fosen freidoras ou dispositivos de GPS e tivesen que ser útiles. Serven para que un colectivo se comunique, se singularice e teña cohesión. A maiores, estamos descubrindo que un uso a maiores para o galego: serve como elemento de comunicación política. Ai temos ao parlamentario Pedro Arias que evita usalo no Hórreo. Imaxino que actúa así motivado por facer unha graza da que rir logo cos amigotes que o agardan no bar da volta da rúa; como cando propuxo que colocasen unha estatua de Unamuno onda a de Millán Astray na Coruña. Pero o galego non é o bañador Meyba contra o que loitaba sendo líder de Tetiñas Free. Para ter a liberdade de bañarse con traxe ou sen el haberá que coñecer as dúas opcións. Galicia non pode ser unha praia con dúas zonas de baño separadas. Esa foi a mensaxe que me chegou dende Compostela o pasado domingo.
(artigo para El Progreso).