O MEU CATIVO teima en chamar Curuña a A Coruña. A pronuncia pacovazquista prendeu nel e non hai quen o convenza para que use o artigo nin cambie unha vogal. Non é a única persoa á que escoito variar así o nome da cidade, tamén está no alto do hit parade La Coruña e mesmo sinto Cruña ás veces. A Coruña ten un nome de seu e logo cada quen defórmao á súa apetencia. Algo semellante acontece con La Haya; os holandeses deron en chamalo Den Haag, cando de toda a vida foi La Haya e eu nunca escoitei a ninguén dicir Den Haag nin o Tribunal de Den Haag. Descoñezo o motivo polo que Carlos Negreira e Javier Losada non piden que se restitúa a oficialidade da denominación La Haya. Supoño que porque ambos os dous saben que os topónimos son únicos, aínda que logo escriban La Corogne en francés; A Corunha, en portugués, ou The Coronne ou The Groyne (O Dique), en inglés. Do mesmo xeito que eles non van poñer Carlos Negreira/Carbonero ou Javier Losada/Lousada nos seus carnés de identidade, como non limos nunca Francisco Vázquez/Velázquez nun texto oficial. Desconcértame que A Coruña sexa o único nome dos nosos 29.964 lugares do que se renega, pero,de atender ao uso, son partidario da sofisticación, polo que faría cooficial ‘Lacoru’.

( artigo en El Progreso)