BERLÍN TEN un ollo de cada cor, poemizou María Lado. Dependendo do teu punto de vista, presenta unha fachada de arco iris ou unha bretemosa. A cidade vén de cumprir vinte anos reunida, pero segue tendo unha banda oriental na que os rapaces farfallan o inglés e visten para o mítin inaugural do Cuarto Reich. O outro Berlín lidera as vangardas europeas e chama por artistas de todo o mundo con alugueres a 300 euros nos barrios céntricos que foron xudeus e logo obreiros. Ese Berlín ten o mellor catálogo de arquitectura (Piano, Foster, Calatrava, Koolhaas) instalado sobre un urbanismo sen artellar e determinado pola fenda ancha que deixou o muro. Ergueuse como a metrópoli de referencia en Europa por moito que lle proa a Sarkozy, desacougado agora por perfilar a identidade francesa. As condicións de Berlín para ser a capital do continente non son as mellores, co paro no 18%; mais apoiouse na cultura para situarse. Agora Lugo é escenario para o mellor festival galego de jazz, pero os medios de comunicación das outras cidades están ignorándoo. Cantas páxinas ou cantos minutos televisados habería se Kurt Elling, Kenny Barron ou Christian Howes estivesen na mesma semana en Santiago, A Coruña ou Vigo? Galicia tamén ten os ollos de cores diferentes.

(artigo para El Progreso)