Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
30 novembre 2009

A NOITE NA QUE FUN ÁNXEL FOLE

Houbo unha noite na que fun Ánxel Fole. Non é que levase unha cavicha colgando dos beizos nun equilibrio fráxil nin que cubrise a cabeza cun sombreiro de palla desleixadamente ladeado, nin sequera que me amarelecesen os dedos. Non. Acordei da noite na que fun Ánxel Fole porque a libraría Bertrand ofreceume entrar nun sorteo para cinco exemplares en portugués de ‘O símbolo perdido’, asinados polo seu autor, Dan Brown.

Eu nunca lle atopei o chiste a que un señor que todo o que ve en min é o billete de vinte euros que entreguei polo seu libro me asine unha obra. Eu nunca pido rúbrica ningunha aos escritores; de feito, sentínme perplexo a tarde na que Carlos Reigosa teimou en dedicarme ‘Irmán Rei Artur’ por telo entrevistado. O seu epílogo foi «vaiche gustar moito», polo que entendín que daba por suposto que ía lelo. Hai libros dedicados que causaron desacougos e non precisamente polo seu valor económico. Paul Theroux escribiu ‘La sombra de sir Vidia’ por mor dunhas sinaturas noutros libros seus.

O conto é que Theroux e sir Vidia Naipaul eran amigos de vello, e deixaron de selo cando o primeiro descubriu nunha libraría de ocasión varios exemplares que lle dedicara ao seu compadre. Houbo unha noite na que houben de presentar unha recompilación de artigos de Ánxel Fole feita por Alfonso Riveiro porque o seu autor non podía estar presente. Houbo un culturista chamado Raimon que teimou en que o autor lle asinase o volume. Eu razoei que non era Fole nin sequera Riveiro. Os meus argumentos non o convenceron e rubriquei co nome do mestre, tratando de representarme a súa sinatura insegura e irregular.

(artigo para El Progreso)

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité