ESTA MADRUGADA soñei a nova versión de ‘Apocalypse now’ que se está distribuíndo en Galicia. Gusto máis do ‘remake’ modelo ‘nacido o 4 de xullo’ que Coppola fixo con ‘Corazón da escuridade’, de Conrad, ca desta versión que se está proxectando en moitos pesadelos. Chámase ‘Apocalipse arestora’ e está protagonizada por Xosé Luís Méndez Ferrín. A escea que máis me sorprendeu é esa na que o escritor ourensán entra a cabalo no concello de Seoane do Courel o 17 de maio de 2010 mentres se celebran as Letras de Uxío Novoneyra. Ferrín tira o xaruto castrista que leva prendido nos beizos e empeza a berrar o ‘Vietnam canto’ co puño dereito erguido. Na vixilia represéntome a Ferrín como presidente da Real Academia Galega encabezando un acto oficial na gloria de Novoneyra con toda a elegancia e respecto que require encarnar o símbolo máximo dunha institución. Ser comunista pode resultar inaxeitado para suceder a Fontenla na presidencia da CEG e ser independentista, pouco recomendable se se arela ser ministro de Defensa, pero estamos falando de que o intelectual que concita maior admiración no país aspira a dirixir a nosa institución cultural máis importante. Penso que mesmo acoutará a súa afección equina. Ferrín fará soprar aires de desencontro coa Xunta, certo; mais a RAG non se creou só para discernir se damos ‘gracias’ ou ‘grazas’nin para elucubrar sobre a mensaxe do que nos din os rumorosos. A Academia debe promover a cultura galega, polo que precisamos quen lembre esa obriga a quen corresponde e cando corresponda. Ferrín vai ser rexo defendendo o idioma contra os ‘charlies’ que se emboscan teimando en reducir o seu uso público.