2009: BROWN, MAALOUF, FERNÁNDEZ PAZ, CID CABIDO , RIVAS
GIRÁLDEZ PEDIUME unha escolla dos meus cinco do ano en galego para El Correo:
O símbolo perdido, de Dan Brown.
O novo supervendas da Factoría Brown non está no meu top five soamente pola súa funcionalidade: cumpre coas expectativas de lexibilidade, ritmo e intriga. Fundamentalmente está como símbolo de anormalidade: é o único best-seller, considerado no seu sentido máis puro, que puidemos ler este ano. A maiores, foi unha editora foránea, El Aleph, quen nolo achegou. Mágoa.
A deleiva do mundo, de Amin Maalouf
Seica algo avanzamos dende a Xeración Nós no que atinxe á súa teima de que as correntes do pensamento de arestora refresquen as nosas costas. Maalouf é unha novidade de extremo interese e puidemos dispor dela ao tempo có resto de Occidente. Subliño o esforzo de Xerais, que debería de verse axudado de xeito concreto por Cultura, mais o seu pensamento está en clave xacobea.
Valados, de Agustín Fernández Paz
Dende que nos agasallou con O único que queda é o amor; empezan a serme indiferentes os títulos de Agustín Fernández Paz. Digo que me son indeferentes non con desprezo, senón cun orgullo que lle collo prestado. Tras novelas como Aire negro, Corredores de sombras ou Cartas de inverno, o vilalbés xa está na categoría dos indiscutibles. Fernández Paz é o noso maior clásico vivo.
Unha historia que non vou contar, de Xosé Cid Cabido
Todo o noso sistema literario camiña nunha dirección, pero o meu explorador favorito decidiu adentrarse na contraria hai uns libros. Cada achega do noso rariño nacional é un coche bomba que guinda polos aires todas as nosas certezas. Cid Cabido vai descubrindo territorios e aos demáis non nos queda outra que non perdelo de vista.
Episodios galegos, de Manuel Rivas
O periodismo literario é un xénero no que baten as présas diariamente, pero Rivas sabe mudar as urxencias en frescura. Contra fin de ano chegounos un novo diario do seu caleidoscopio. O país non deixou de decepcionar durante o 2009, mais Manuel Rivas acerta sempre a amosarnos que os prados está baixo as leiras cubertas de estrume. O mellor é que, a maiores, logra que sorriamos.
Commentaires sur 2009: BROWN, MAALOUF, FERNÁNDEZ PAZ, CID CABIDO , RIVAS
- Amodo, que teño aos nenos de vacacións e estou a corrixir dúas novelas. En días vindeiros falarei das escollas, polo menos da do libro de Ameixeiras que supoño que será o que lle interese.Vaia por diante que a escolla a fago entre o que lin e non chego a todo: non lin aínda o de Cid Cabido e de Saraha Kane remato de mercalo.

Bo ano!


http://alfaias.blogaliza.org/2009/12/28/o-mellor-do-2009/