A ORDE DO mundo debe de estar regulada por un tahúr. Afirmo isto porque Einstein defendía que Deus non xoga aos dados. Daquela é un tahúr quen distribúe os seres humanos pola Terra; quen os envía a vivir nas cidades, vilas ou aldeas. Esa explicación demostraría que a liberdade persoal é unha lenda urbana. Pouca liberdade temos na escolla da familia, por exemplo. O pai e mais a nai veñen de fábrica. Os irmáns non traen un albarán para devolucións. É inútil que busques a folla de reclamacións no libro de familia. No caso da parella, se superas a parvicie inicial, podes ter marxe para decidir. Como moito, escolles os amigos. Cando visitas unha casa para comprala non che presentan os veciños. Ti miras o número de habitacións, as horas que dá o sol, se a calefacción é central,... pero ninguén che advirte de se quen vive arriba baixa o lixo tras o café de media mañá ou se a señora de dous pisos máis abaixo é unha apaixoada de facer dedos coas ‘Variacións Goldberg’ de Bach ás catro da madrugada. Os veciños non se elixen, Gayoso non escolleu a Méndez nin Méndez optou por aveciñarse con Gayoso, pero terán que entenderse para conviviren. Será o mellor para a comunidade. Refírome a comunidade galega; non á de veciños, que eses son peores de conciliar.
vendredi 16 avril 2010
VECIÑOS
Posté par : Jaureguizar à 23:56 - Commentaires [0] - Permalien [#]
Tags : Artigos para El Progreso, De Luns a Venres e Diario de Pontevedra
Tags : Artigos para El Progreso, De Luns a Venres e Diario de Pontevedra
Commentaires sur VECIÑOS
Nouveau commentaire