O proxecto Ponte Nas Ondas leva quince anos promovendo actividades culturais a ambos lados da raia galegoportuguesa. O novo paso nese achegamento é o libro-disco ‘Cores do Atlántico’, que colle como referente as cantigas de amigo da tradición medieval conxunta para anovalas tras pasalas pola música da cantautora brasileira Socorro Lira, polas ilustracións do artista lucense Quique Bordell e mais polas novidosas achegas teóricas da profesora da Universidade de Poitiers e especialista en literaturas de transmisión oral Ria Lemaire.