NUNCA ENTENDÍN a precaución que hai entre os axentes culturais deste país fronte ao espectáculo e o márketing na literatura. Deben de pretender que sexamos como Tskypin, o autor de ‘Verán en Baden Baden’. O escritor ruso estaba obsesionado con Dovstoiestki e quero pensar que coa eternidade porque o seu fillo asegura que, logo de chegar á casa dende o psiquiátrico no que exercía, continuaba exercendo a súa profesión na casa escribindo e reescribindo as súas novelas. Tras o seu pasamento, a súa obra, continuamente tecida e destecida na procura da perfección, fora lida pola muller, o fillo e dous amigos deste. O KGB poñíalle tanto medo que nunca se atreveu a publicar os traballos que loubaron despois Susan Sontag ou Coetzee. Hai poucas persoas que escriban para si, pero ningunha delas trata de publicar. García Márquez mente ao confesar que escribe para que os amigos o queiran máis. Para que os amigos nos queiran máis abonda con organizarlles unha barbacoa con tres caixas de Estrella ou deixarlle as chaves do apartamento en Miño sen data de volta. Estou tentado a crear un grupo no Facebook de ‘Amigos que queren a Gabo aínda que non escriba’. Sexamos sinceros: ninguén pasa o traballo de facer novelas nin para si mesmo nin procurando abrazos. O propio Tsypkin logrou informarse de que publicaron o ‘Verán en Baden-Baden’ nunha revista da emigración rusa nos Estados Unidos o 15 de marzo de 1982. O 20, finou. O seu xeito, involuntario, de promover o márketing é cultivado, a mantenta, na nosa literatura. Nun tempo, Suso de Toro parapetouse tras uns lentes de sol e agora Cid Cabido converteu a negativa a ser fotografado na cara oculta do exhibicionismo.