MARTE 500
A PATRIA DO home é o lugar no que aprende a nadar. Cando eu era neno aprendíamos no mar. Agardábamos a que sete ondas altas se deitasen sobre a area para dar unhas brazadas torpes que nos confirmasen avances no croll. Agora os nenos empezan a chapuzar nunha piscina. Nós aprendiamos a vida no escenario no que se ía desenvolver, non en incubadoras acuáticas. Todos tendemos ao simulacro, ao risco controlado. Carlos Negro escribe no libro ‘Abecelbú’ que «o perigo é o irmán da aventura». Nós preferimos o ‘Gran Irmán’, a realidade controlada en Guadalix de la Sierra antes ca ascender catorce oito milleiros sen outra garantía ca esperanza de volver á casa. Para preparar a viaxe a Marte no 2040, a Axencia Espacial Europea puxo a andar o proxecto Marte 500. Seis voluntarios convivirán aillados durante ano e medio nunhas instalacións de Moscova para que os científicos poidan facerse unha idea de como van comportarse os astronautas na viaxe. Norman Mailler contounos o misterio da Lúa —«unha voz sen fala»— cando Neil Armstrong pisou nela por vez primeira. Pero tamén foi pragamático advertindo que «non coñeces á túa parella ata que te enfrontas con ela nun xuízo pola pensión alimenticia». Daquela, rematan os simulacros e empeza a vida.