Ás VECES boto en falta o amor que ardía nos vellos folletíns. Agora eses romances, eses celos e esas traizóns incendian os platós televisivos. Estou seguindo con devoción, entrega a entrega, Isabel Pantoja: la traición, un drama con tres personaxes principiais: Julián Muñoz fai de galán maduro; as actrices Maite Zaldívar e a propia Pantoja, de esposa e amante. Son tempo catódicos e xa non volverá aquel récord de Dickens vendendo 200.000 exemplares de Conto de Nadal cun 25% de ingleses alfabetizados.Quen escribe agora os folletíns son os guionistas televisión. Os de Tele5 están redactando este drama cun deseño impecable: hai amor, sexo, bágoas, poder, millóns de euros roubados, xuízos, reproches e insultos. A posta en escea está sendo pautada: os protagonistas van visitando os estudos de Sálvame para achegar a súa versión das dúas tramas -o seu trío sentimental e o asalto ao patrimonio marbellí- que van entreligando. Julian Barnes expuso este modelo de tres protagonistas achegando datos en paralelo en -Amor etcétera...-. O share aplaude a fórmula. Todos estes días ando mirando a un Julián Muñoz que teima en amosarse coma o Macbeth que perpetrou o que perpetrou non por cobiza, senón encirrado pola Pantoja. Porén, a súa ex muller e máis o corifeo da cantante -Raquel Bollo e Luis Rollán- empuxan á súa figura cara á dun Ricardo III shakesperiano. Din que se valeu de ambas as dúas para cumprir unha ambición de tal magnitud que sobordou todo límite razoable. Como afirmou Gore Vidal a respecto de Obama nunha arroutada máis clasista ca racista «os escravos non saben facer poesía». A este trío fáltanlle moitas lecturas, mesmo a dalgun folletín.