O ACTOR Pepe Sancho encendeuse contra min nunha entrevista telefónica. Pregunteille polo seu papel na serie Cuéntame e berroume que había meses que a deixara. Baixei as orellas (a pegada ao supletorio tamén) e confesei que non miraba a televisión. El retrucou, con toda a razón: «¡Yo tampoco leo su periódico y le estoy contestando!». A conversación proseguiu co máis selecto da refinada chulería do ex de María Jiménez. Daquela eu estaba certo de poder despreocuparme de coñecer os afectos televisivos da cidadanía. As canles de tdt, cable e os karaokes mudaran na miña excusa para fallar as preguntas nun Trivial sobre Aquí no hay quien viva e mesmo o nome do equipo no que xoga Pau Gasol. Iso si, sei,por puro interese persoal, que a súa moza é de Brollón. Visto que non dou excusada a ignorancia sobre «o interese xeral», esa categoría na que Álvarez Cascos reagrupou o emprego, a sanidade, a educación e as transmisións deportivas, agora miro os anuncios de Hugo Boss. Cando paso por diante da perfumería do meu barrio intento quedarme coas caras de Cesc Fábregas e outros dous que non lembro agora. Máis ca nada, por se teño que entrevistalos por gañar 600.000 euros por gañar un torneo de fútbol. Fútbol! Aínda se fose por gañar Supervivientes.