Mondoñedo acollerá o acto central da programación coa que se celebrará o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, o 22 de decembro de 1911. Ese mesmo día do 2011, haberá unha homenaxe popular ao escritor no que terá participación destacada tanto a Real Academia Galega como o Concello. As actividades comezarán contra o 28 de febreiro, data do seu pasamento, cunha velada literaria en Vigo. Unha exposición sobre o autor colocarase na Casa da Parra, en Santiago, na primavera para emprender unha itinerancia que a levará por Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo. En setembro, coa mostra nalgunha cidade galega, haberá un congreso internacional «no que se tratará de situar a Cunqueiro no contexto español e europeo traendo xente de fóra, tanto os que estudan a súa obra, como outros expertos aos que se pedirá que investiguen algún aspecto relacionado con el», anuncia o coordenador do proxecto, Henrique Monteagudo. A maiores de estudar a súa obra, vaise recuperar o seu teatro mediante a montaxe da súa obra ‘O incerto señor don Hamlet’. A maiores, a Escola de Arte Dramática de Vigo prepara lecturas dramatizadas de textos do mindoniense. Haberá tamén lecturas públicas dos seus textos no Día Do Libro, cun acto central en Lugo.Estes actos serán organizados polo Consello da Cultura Galega, as tres universidades galegas, Mondoñedo e Vigo.