A audacia de Mamed Casanova foi de tal magnitude que aínda hoxe, transcorrido case que un século dende os seus últimos atracos, interesou a Manuel López Poy e Miguel Fernández para contar a súa historia, como antes fixeran Valle-Inclán ou Pardo Bazán. Ambos os dous veñen de publicar Mamed Casanova. O fillo da furia (Demo Editorial publicou e fixo un interesante trailer), un volume de 96 páxinas que amosa nas primeiras páxinas a valentía case inconsciente do último bandoleiro, que delinquiu polo norte de Lugo e A Coruña. Manuel López Poy, guionista, sinala que comezou de moi novo perpretando delictos menores que o conduciron a dous reformatorios sendo un neno. Estreou a súa adolescencia desenterrando o cadáver dun indiano para quedar coa sú roupa «e poder emigrar a América ben vestido, porque el tamén tiña esa intención, aínda que despois non a cumpriu», comenta o guionista. Casanova fixo que un xastre lla axeitara e paseouse vestido co traxe do morto polas festas. O seu golpe máis espectacular foi participar no asalto á casa reitoral do seu Grañas (Mañón) natal. No atraco mataron á criada do cura e os outros atracadores botáronlle as culpas por ser menor de idade. López Poy asegura que o tema do bandoleirismo interésalle hai moitos anos «e tamén o cambio da sociedade que se deu co paso do século XIX ao XX». Engade que Mamed Casanova «acadou unha aureola romántica porque se opuxo aos caciques, aos indianos, aos curas e á Garda Civil; que eran os que mandaban, e ninguén se atrevía con eles». O guionista sabe que «non era ningunha boa persoa, roubaba aos ricos porque eran os que tiñan cartos, pero tamén a estudantes ou aos que volvían das feiras». Hai un par de anos coñeceu ao debuxante Miguel Fernández e propúxolle a idea. Poy residía en Barcelona daquela e o ilustrador, en Lugo, polo que traballaron a distancia nesta historia que quixeron publicar primeiro en galego «porque era un personaxe de aquí que se moveu por Galicia», con mil exemplares, para «dentro duns meses», editar en castelán.