Daniel Salgado fala con MANUEL RIVAS sobre a súa nova novela, Todo é silencio. [O libro ábrese na época en que Cassius Clay muda en Muhammad Ali e négase a formar filas no exército estadounidense en Vietnam. "Ningún vietcong me chamou nunca negro", declarou daquela o boxeador. O primeiro thriller de Manuel Rivas detense, 274 páxinas despois, xusto no minuto anterior á caída dos grandes capos arousanos da cocaína.

Esta cronoloxía apurada do capitalismo totalmente desregulado opera na base da novela de Manuel Rivas. "Con todo, o importante non é a historia da mercadoría, se non como este proceso cambia e condiciona a vida das persoas", explica, "e produce eses hábitos do capitalismo impaciente, un capitalismo máxico que se contrapón co que fai a maioría da xente".

Pero Galicia, ao cabo, non foi Sicilia. "Preguntouse moitas veces por que non", di, "e houbo varias causas; a decisoria é porque a xente rompeu o silencio. Como as nais de maio, aquí foron unhas nais as que o fixeron. En Arxentina chamábanlles as tolas, aquí, as borrachas. Elas acabaron coa omertá".