ESTE MES de outubro que semella inocuo e mollado produciuse un feito inusual no BNG: a fronte está actuando ao unísono. Todos semellan estaren lendo Asasinato no Consello Nacional (Xerais), de Diego Ameixeiras. Tanta uniformidade lectora unicamente acontecera con Sempre en Galiza (Galaxia), de Castelao. Unha edición vendida nunha semana é un récord que baten poucos autores europeos. O secreto é a intriga política. Antecedentes tivemos, no Unha noite con Carla (Xerais) e en A man dereita (Sotelo Blanco), de Malvar, pero Ameixeiras acertou no target. Malvar esnaquizou o fraguismo, pero non reparou en que a militancia popular non enche as súas bibliotecas de narrativa galega, algo que si fan os que pagan cota no Bloque. Mercan a novela de Ameixeiras con sentimentos contraditorios: orgulloso de seren protagonistas, curiosos de que alguén externo lles entregue unha auditoría interna e asemade perplexos de mirar os seus Woman Secrets postos a clarexar á vista de todos. O autor fai unha distribución equitativa no reparto de culpas e mete o dedo en canta chaga vai atopando cunha valentía inusual nos escritores deste país. O elenco de actores nesta trama é o agardado: Paco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Carlos Aymerich,... que non o digo eu, que o di a Wikipedia; mesmo confire un papel protagónico á sarriá Ana Pontón. O retrato, dende logo, faise vivo e mesmo descarnado. Se Macbeth me permite que o parafrasee: «Nunca vin un retrato tan fermoso e tan cruel». O sorprendente é que esta novela vai ser moito máis eficaz ca un Consello Nacional para que cada quen coñeza a posición do seu rival/compañeiro e marque estratexia.