Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
18 octobre 2010

POÑERSE RICO-RICO

AS MIÑAS COMPAÑEIRAS de redacción opinan que Jamie Oliver debería liberarse dalgúns quilogramos, pero segue sendo atractivo. Oliver é un showcookman, un cociñeiro-espectáculo, deses que teatralizan a cerimonia de preparar alimentos. Arguiñano, é un prototipo do chef que non triunfa por cociñar, senón pola habilidade para comunicar a cociña a base de naturalidade ensaiada -non exenta dun punto de stand-up comedy- e de populismo en canto á sinxeleza da elaboración e ao axustado dos prezos dos seus preparados.

Ben sabido é que o cociñeiro vasco dá arrastrado audiencias dunha canle para outra, como ben tiña presente Pablo Vasile cando tratou de amarralo aos fogóns de Telecinco ata o derradeiro intento para evitar que marchase á competencia, Antena 3. En Galicia, Paco Feixó fixo o que puido; dotado coa vitrocerámica e menos na empatía co espectador, un segredo que disque posúe Benigno Campos, o cociñeiro de Larpeiros. Por moito que se me faga monotonal e conservador na presentación e aínda máis na selección de pratos a elaborar, aí están as súas audiencias e as reiteradas edicións do seu manual.

O lume manso é ben pouco acaído para televisión, como está demostrando o concurso de cociñeiros Top Chef, que leva oito tempadas, facendo espectáculo da confección de menús. Bravo TV está vendendo a serie no orixinal norteamericano en todo o mundo (acó témolo no Canal Cocina). A BBC espiliu tamén. A súa grella ten un apartado poderoso dedicado á gastronomía. Especialmente curioso é La aventura vinícola de Oz y James, na que a cadea pública monta nunha caravana a dous estrambóticos expertos en viño para que dean un varrido ás rexións de produción, dende a Borgoña a California. Oz y James ofrecen as súas opinións disparando con escopeta contra as marcas que non lles convencen ou comentando catas de tintos barateiros montados en coches de choque.

Con toda a súa fanfarra, non destroaron a Jamie Oliver, o restaurador estrela que non soamente se apoia na popularidade para poñerse rico-rico, senón que a usa para liderar a Revolution Food, animando aos ingleses a que non se provoquen un suicidio prolongado a base de comida insá. Oliver emprendeu unha campaña dirixida concretamente a escolares para que eviten a bolería e os xantares graxentos. Logrou o seu obxectivo, porque os mozotes xantan dun xeito racional e o absentismo escolar reduciuse nun 15 por cento nos últimos meses. O seu éxito situou ás autoridades educativas en contra de quen eles consideran un iluminado. As protestas dos seus subordinados empuxaron a David Cameron a preguntarse nun mitin: «Quen fixo máis pola comida dos escolares, Jamie Oliver ou o Departamento de Educación?» Eu coñezo a reposta, pero temo que non coincide coa que defendía o primeiro ministro británico.

Publicité
Publicité
Commentaires
J
o vermello era terriblemente impopular. Deame uns días para ver que opinan os lectores
Répondre
C
Víase millor (moito millor, moitísimo millor) en vermello, Jaure.
Répondre
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 426
Publicité