Comunicado de Retranca: [O número da revista Retranca que estaba a piques de saír, que tiña como tema central a próxima visita do Papa a Galicia, acaba de ser secuestrado pola imprenta. Os propietarios da empresa Imprenta Jiménez Godoy, radicada en Murcia, néganse a entregar os exemplares da revista para a súa distribución, aducindo o seu desacordo moral co contido da mesma. Nunha conversa telefónica mantida con Kiko da Silva, director de Retranca, o dono de Imprenta Jiménez Godoy explicou que a revista, aínda que xa estaba impresa e lista para o envío á distribuidora, non se ía entregar porque a empresa que dirixe estaba en total desacordo “co ataque ao Papa e á Igrexa”. É a primeira vez que unha imprenta, cun traballo xa impreso e cun contrato de por medio, decide unilateralmente non entregar a publicación alegando a súa disconformidade cos contidos da mesma. Retranca deixa claro que foi a imprenta a que acudiu á nosa empresa para ofrecerse a imprimir a nosa publicación, sabendo de sobra que se trata dunha revista satírico-política. Desde Retranca queremos tranquilizar aos nosos lectores anunciando que o número secuestrado estase a imprimir xa noutra imprenta e que chegará aos quioscos en breve.