IAGO MARTÍNEZ, en Xornal: [Varela móvese. O conselleiro de Cultura vai crear unha dirección xeral e suprimir outra antes de tomar as uvas. A nova será para o sector (estratéxico) do libro, as bibliotecas e os arquivos. Extínguese a de Promoción e Difusión da Cultura, un macrodepartamento que se revelou máis acaído á capacidade de xestión de Luís Bará que á de Francisco López, o seu sucesor no cargo. O escritor e xornalista ourensán cederalle competencias á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e peso político ao seu director-xerente, o músico Juan Carlos Fasero. Hai quen quere ver no xesto de Roberto Varela un sinal de fortaleza política. Unha mensaxe. Pode ser. Só así se entendería a torpeza.

Os cambios anunciados por Varela poden ser demasiado ambiciosos, tendo en conta o contexto de crise e os tempos da tramitación parlamentaria dos orzamentos, pero tamén demasiado escasos. Hai polo menos dúas cousas que o anuncio de mudanzas non conseguiu disimular o martes no Parlamento: a indefinición na que paira aínda o futuro da Cidade da Cultura e o presente, problemático e sen sinais de recuperación, das políticas públicas para o audiovisual galego.

A lectura intestina dos cambios anunciados por Varela, que tamén afectarán á área de Turismo, por certo, vén con outro defecto de forma. É moi posíbel que a aposta polo sector do libro sexa súa, e que o paso adiante encerre tamén unha mensaxe de autonomía e pulso político. Incluso parece sensato pensar que o conselleiro reordena o seu equipo a vontade e sobre a base da experiencia acumulada neste ano e medio en San Caetano.]