O FLAN DEMOCRÁTICO
BERLUSCONI sabe que os parlamentos son platós de televisión. Unha vez comparou o seu grupo co da oposición. «A dereita é moito máis guapa ca esquerda», opinou. Italia, dada a confundir as feiras de monstros coas campañas electorais (Cicciolina e accesorios), fundou un novo modelo gubernativo: a democracia televisiva. Paolo Vasile semella teimar agora en converter Telecinco no principal grupo parlamentario. Vasile sabe que en tempos de crise non importa tanto a capacidade para solventar os problemas como a capacidade para facer crer á maioría que se pode facer. En tempos revoltos vótase máis mirando ao carisma que á preparación. Telecinco creou unha monarquía paralela á borbónica, proclamando unha princesa do pobo e amagou con promover unhas institucións clónicas con aquela sonada enquisa que lle atribuía cinco actas de deputado á iletrada de San Blas. Polo de agora, Belén Esteban asume que debater con Rubalcaba require máis preparación que andar a berros con Karmele. Pero en Estados Unidos a democracia veñen de reinventala unhas amas de casa postberlusconianas que confunden a Cámara de Representantes cunha cociña. E a min que me metía medo Ruiz Mateos cando quería gobernar España cos criterios de factoría de flan Dhul...