Galicia Hoxe: [O recorte que afecta á Consellaría de Cultura deixa o orzamento de 2011 en niveis semellantes aos de 1987". A rebaixa é "humillante" e "inaceptable", polo que o que queda é "coller as pancartas". E só cinco ou sete millóns dos 23 destinados á Cidade da Cultura para o 2011 bastarían para pór as artes escénicas de Galicia "ao nivel que lles corresponde". Son só algunhas das críticas á Consellaría de Cultura que onte expresaron os profesionais que participaron no encontro As artes escénicas e a crise: presente e futuro, organizado por Escena Galega.

Actores e directores manifestaron o seu descontento ante o director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, que foi o primeiro en intervir. "Eu creo que Agadic debe ser un instrumento de axuda ás industrias culturais, e non o é de momento", recoñeceu. Opinou que a Axencia "fíxose mal" cando se creou, co goberno bipartito, e avogou por promover a súa "axilidade". Sobre a proposta de estender o modelo de compañías residentes, reflexionou que "sempre hai un teito" e preguntou cantas podería haber. Antonio Simón asegurou que "sería viable" ter unha compañía profesional por cada 50.000 habitantes.

O director de Agadic considerou "fundamental" mellorar as redes e explicou que se está a traballar nunha mudanza de modelo que suporá un maior apoio, en proporción, aos concellos máis pequenos. Avogou, así mesmo, pola "apertura" das redes, de xeito que se xeren "intercambios".