AS TONELADAS DE AGUSTÍN
SARTRE temía que lle desen o Nobel de Literatura de 1964. A internacional da cultura sabía que ían concederllo e asentía, pero el temíao. Os suecos en xeral teñen unha mentalidade de centro Ikea: márcanche o roteiro e advirtenche, impricitamente, que che é mellor seguires o percorrido sen desviarte, porque acabarás por levar catro lámpadas e un puf que non precisas. Sartre temía e a Academia sueca cumpriu. El logo o rexeitou para non ser institucionalizado porque se lle facía «ridículo» que un intelectual fose ministro de Cultura. Sospeito que aguilloaba a Malraux. O buzón de Sartre empezou a encherse de cartas suxeríndolle os máis diversos destinos para as 200.000 coroas que lle corresponderían polo galardón. O filósofo estaba horrorizado diante da sensación socializada de que un escritor é alguén que «non traballa, gaña cartos e pode ser recibido, se quere, por un rei de Suecia». Engadiu que «é normal que un banqueiro non dea os seus cartos, pero non que un escritor os rexeite». O premio da Cultura Galega das Letras carece de partida orzamentaria, pero non se lle escapa a ninguén que Agustín Fernández Paz, o escritor galego máis vendido e premiado, só precisaba dun detalle final da nosa máxima autoridade para pechar o círculo de éxito da súa carreira. Logrouno, pero soubo renunciar a el por integridade, como Feijóo acertou a illar da ósmose política a selección da súa candidatura. Agustín deixará un premio menos á filla, pero vaille testar toneladas de coherencia evitando achegar autoridade a algo que el criticara un mes atrás. O xurado cumpriu esquivando os apaños extraculturais.