Continuamos sendo un país de bandeiríos: os nosos e os seus, os Andrade e os Pardo de Cela. E o que asome os fuciños fóra do castelo de seu é un traidor. Asistín durante todo o día de onte os asubíos a Freixanes por criticar que Fernández Paz rexeitase o Premio da Cultura Galega das Letras. Eu concordo con Víctor en que non se pode confundir o coxuntural co permanente: unha cousa son as persoas que nos representen neste momento na máis importante institución nacional e ben outra é a propia institución. Aínda concordando con el, percibo que o propio Freixanes cae no mesmo erro que censura a Agustín cando marca os nosos en contraposición aos gobernantes actuais: el tamén mestura coxuntural e permanente, e mesmo remite o que presenta coma un problema de respecto institucional a unha desputa política. Os argumentos agoreiros de Facebook de onte resúmese en que Freixanes quitou os fuciños para ver se ten a porta levadiza deles está baixada para cambiarse de bando. Certo que naquel bandeirío non sobran os cabaleiros literarios: Conde, Caneiro,... grandes escritores se alguén aceptase lelos porque os lectores e o tempo son as dúas medidas da grandeza dos autores. Porén, supoñer traidor a quen ergue a voz é desmesurado e inxusto.
Neste mesmo día informan na Voz de que lle entregaron o Latorre a Ferrín. Admiro tanta habelencia estratéxica de Arteixo: cando era candidato, combatírono coa lóxica de que o peor que podían pousárselles na cabeza da Academia era un columnista da competencia e, por riba, con influencia en todas as capas culturais; tras o feito consumado e irreversible, deciden recuperar terreo ás alancadas cun agarimoso galardón. O noso presidente asiste á cerimonia, recolle e agradece. Eu, dende logo, agardaba toda esa correción na autoridade da RAG. O señor de Vilanova dos Infantes está cumprindo honrosamente a encarga que se lle encomendou. Temía, sen embargo, que os nosos lle afeasen aceptar un recoñecemento que provén dun medio de comunicación contra o que (¿teño que lembralo?) moitos deles manteñen unha campaña expresa de negación en gran parte polos mesmos razoamentos que opoñen á Xunta. E todo o que escoito é un silencio desconcertante.