O FOIE GRAS DE CONAN DOYLE
P. D. JAMES é unha señora perversa. Non polas novelas que escribe, que cada mata a quen lle peta e cando lle peta sempre que o perpetre en papel. A súa perversidade radica nas exploracións argumentais que perpetra en Todo lo que sé sobre novela negra (Ediciones B). A escritora asume que Conan Doyle deu co número do pin ao lograr un personaxe co que se identifica a sociedade británica da súa altura, pois é «imperialista, patriota, valente e tan pagado de si mesmo que presume de exercer máis influencia ca ninguén en Inglaterra sobre os mozos, coa excepción de Kipling». Tras permitir que asome esa crítica, arremete contra Sherlock Holmes afirmando que é experto en cocaína, opio e beladona, e que, como leva «unha vida errática», é propenso a escribir no teito a base de disparos. Con todo, o que máis indigna a James é a ruindade do detective, pois tendo clientes ricos convive con outro home, o doutor Watson, nun espazo repartido en dúas habitacións e de aluguer nunha casa de Baker Street. Denuncia,por exemplo, que Lord Saltire lle paga dez mil libras, unha pequena fortuna, en Aventura na escola Priory -incluído en O regreso de Sherlock Holmes (Galaxia)-. Pregúntase se se dedica á beneficiencia ou se é que, como prefire ela no interior fondo malvado do seu corazón, é un miserable. Agora nós tamén temos un personaxe que trascendeu: aló onde vas fálanche do Leo Caldas de A praia dos afogados (Galaxia). Confío en que Domingo Villar saiba desenvolver o seu potencial e non faga coma Conan Doyle, que contaba que Holmes lle sentaba tan mal coma o foie gras. Unha vez collera unha enchenta e non podía sequera pensar nel.