ALBERTO RAMOS, en Xornal: [Santiago Jaureguizar xa está a traballar nunha terceira entrega da serie de aventuras de Tintimán, un rapaz de 16 anos que, ao herdar o instinto investigador de seu pai, métese a solucionar casos misteriosos. As dúas primeiras entregas desenvolvéronse en Santiago (Corazón de Chocolate) e na Coruña (A coroa de Napoleón). A terceira, cuxo texto será entregado á editorial Xerais antes do próximo verán, terá en Vigo o seu escenario. “Tratará sobre algo moi coñecido, sobre unhas cuestións básicas ao redor dos galeóns de Rande”, explica o autor, que onte presentou no Concello de Santiago Corazón de Chocolate, o libro sobre Tintiman en Compostela. “Nese título, o rapaz atópase cunha seita que quere dominar a cidade e deberá solucionar o caso”, sinala Jaureguizar. Tras as aventuras deste mozo investigador en Compostela, A Coruña e o próximo ano en Vigo, Santiago Jaureguizar busca crear unha serie de sete historias situadas cada unha delas nunha das grandes cidades de Galicia. “Logo virán Lugo, Ourense, Ferrol e Pontevedra”, adianta o escritor, que recoñece un certo carácter didáctico desta serie de aventuras para o público xuvenil. “Os rapaces non coñecen ben o que pasou na súa cidade e, moitas veces, un rapaz de Santiago non coñece a historia da Coruña nin sabe moi ben como foi a Batalla de Elviña. Con estes libros inténtase achegarlles estas historias”, subliña Santiago Jaureguizar.]