LIBERAR LIBROS COMA VISÓNS
UN BLOGUEIRO, Florian Gallaire, decidiu rebentar a última novela de Houellebecq, O mapa e o territorio na súa versión electrónica. Florian aplicou unha xustiza poética de verso solto, de soneto con sílabas mal contadas. Liberou unha obra allea coa irreponsabilidade coa que os ecoborrokas ceiban visóns. O blogueiro esvarou polo bucle vingativo de que o escritor botou man duns parágrafos da wikipedia sen citar orixe. Eu agora teño medo porque ás veces uso frases de amigos para os artigos e non inclúo un apartado de créditos, polo que temo que eles decidan publicar os vinte díxitos da miña conta bancaria. A todo isto, Houllebecq recolle a polémica no seu Twitter sen conmoverse. É o que ten cobrar un adianto estupendo e traspasar o fracaso do negocio ao editor. A creatividade máis común e menos onerosa dos últimos anos é o grafitti, que unha serie de artistas novos deciden regalarnos en calquera esquina. Sen sentido da oportunidade na escolla do lugar e sen interese na maioría dos casos, pero con enxeño e técnica en moitos outros. Norman Mailer dedicoulles La fe del grafitti, que vén de publicar 451 Editores. O libro orixinal é de 1973, naquela altura Mailer atreveuse a calificar de «arte» os garabatos dos rapaces nos vagóns de tren ou nas portas dos garaxes. «Nun acto delictivo sempre hai arte», afirmaba o escritor non sei se pensando en Thomas de Quincey, para engadir «pero os grafiteiros están no extremo contrario dos criminais porque viven todas as fases do delicto para cometer un acto artístico». Supoño que Florian nos contará iso de que estaba difundindo a cultura; unha cultura que a el non lle custa un can nin unha hora de esforzo.