samedi 1 janvier 2011

ALFREDO, O MINTIREIRO VERDADEIRO

Cando coñecín a Alfredo tardou 59 segundos en explicarme que Guerra lle desmentira telo deostadocomo maleteiro de Fraga un artigo no País. Eu nin lle preguntara polo asunto nin gardaba a menor curiosidade polas súas falcatruadas. Daquela compadecín a súa candidez a respecto do dirixente socialista. O cándido fun eu, como comprobei tras entrevistalo recentemente. Seica Alfredo ten uns superpoderes que o convirten no Maior Asfaltador da Literatura Galega, porque reitera ser o escritor con máis páxinas no noso idioma. A falta de que alguén se tome a molestia de comprobar tan intrascendente afirmación, podíamos buscarlle un sitio no Guinness dos Récords entre a maior tortilla de patacas e e o soprador de vidro máis veloz. Eu dubido de que sexa certo porque o alaricano tamén se cre dotado dun superpoder que lle permite bourerar coa prensa para logo arrepentirse e facer desaparecer a súa responsabilidade acusando ao xornalista de inventarlle as declaracións. Amosa detentar unha faciana equiparable en solidez á fachada da catedra compostelanta tanto nesa actitude como cando asegura que o botaron da literatura galega. Deu tantas voltas que acabou desorientado e fóra do sistema. Ese desnorte que padece permítelle convencerse que, cando non vende novelas, non pensa (como non acontece a outros coas nosas obras fallidas) que lles falte calidade ou interese, senón que a Man Negra sinalounas nun contubernio. Alfredo non se explica como unha entrevista que lle fixo Xosé Carlos Caneiro na Galega foi ignorada e outra publicada en catro xornais xeneroulle ducias de explicacións. Alfredo debería saber que San Caetano non é santo milagreiro e, por moito que lle rece un, non remuda en entrevistador fondo, nin sequera lúcido ou audaz. En fin, o mundo xira do revés porque non vai na dirección de Alfredo. Eu tamén quero ser Alfredo. E, posto a pedir, ser conde.

Posté par Jaureguizar à 02:52 - Commentaires [8] - Permalien [#]



Commentaires sur ALFREDO, O MINTIREIRO VERDADEIRO

    Non adoito escribir en blogs de carácter informativo, pero, á marxe de que a obra de Alfredo Conde interese máis ou menos (a min menos ca máis), penso que é difícil non ser ignorado no sistema literario galego se a ideoloxía do escritor deriva cara a dereita. Nun lugar onde case todo se consegue a forza de contactos, se eses contactos son inimigos acérrimos do que se defende, o interesado vai dado. Un detalle ilustrativo é que Conde publicou o máis da súa obra en galego en editoras non especialmente sensitivas á causa nacionalista (Galaxia, Sotelo Blanco...). E que cona, se a afirmación, dixéraa el ou non, é certa: o sistema literario galego é unha coña. Aínda que eu (a diferencia do interesado, sospeito) opino o mesmo do español, en xeral.

    Posté par beatnik, lundi 3 janvier 2011 à 17:45 | | Répondre
  • Eu discrepo de que ser de dereitas sexa un atranco para publicar. O problema de Alfredo Conde é que se creu o máis listo do planeta e confiou en que podería andar de comeniencia en comeniencia sen que iso lle pasase factura. Cousas así non se poden facer nun país tan pequeno coma este.

    Posté par jaureguizar, lundi 3 janvier 2011 à 19:05 | | Répondre
  • Dame a impresión que o que di Beatnik non é que sexa mais difícil publicar en galego para un autor de dereitas, senon que é difícil non ser ignorado no sistema literario galego para un autor de dereitas. Que non é o mesmo e que non deixa de ser certo. Conde non tivo problemas para publicar, pero a recepción do seu traballo (traballo para min irrelevante, por outro lado) quedou mediatizado no sistema literario polo seu posicionamento político. A referencia que el da sobre o tema é o resumo da súa obra que fai Dolores Vilavedra na súa Historia da Literatura Galega, apenas liña e media, da cal a metade é unha referencia a súa errática traxectoria política e persoal. Sen entrar no valor literario da súa obra, non se explica que nunha historia da literatura galega Conde non mereza mais que liña e media de non ser pola cuestión política. Sobre todo vendo o que se lle dedica a outros autores tamén cortiños de talento pero situados na marxe adecuada do politicamente correcto.

    Posté par Pedro, lundi 3 janvier 2011 à 19:56 | | Répondre
  • Suscribo o dito por beatnik e Pedro.

    Lamentablemente, o Sindicato Libreiro Galego é pequeno, está controlado por uns poucos, e non dá maná de abondo para que coman todos os que non queren ser profes de insituto. Funciona o "e usté de quen ven sendo?"

    Por outra banda, quen caral.. é a tal Vilavedra para dicir de ninguén, e menos nunha Historia da literatura galega, que futano ou mengano tiveron unha traxectoria "política" e "persoal" (?!) "errática"? Unha comisaria política da Stasi?

    Posté par ms, lundi 3 janvier 2011 à 23:29 | | Répondre
  • Como ben din Pedro e ms, eu non dixen que tivera problema para publicar (dixen o contrario, aí enriba se le; pero en segundo que editoras), senon para gañar prestixio, gañar un lugar. E vostede mesmo, Jaureguizar, vén darme un pouco a razón cando fala das comenencias. Eu refírome ó escritor. O das lerias políticas é outra cousa. Se vostede di que esas "comenencias" lle pasaron factura, non hai máis que dicir. Porque do seu talento literario non dixemos nada.

    Posté par beatnik, mardi 4 janvier 2011 à 12:09 | | Répondre
  • Perode se lle entendín mal. Conde está pagando agora o teimar en bailar coa máis guapa a cada intre, deixando tiradas ás parellas coxunturais. O seu talento? Paréceme mediano. Non é tan malo como din por aí nin tan bo como pensa el.

    Posté par jaureguizar, mardi 4 janvier 2011 à 14:02 | | Répondre
  • Nunca dixen tampouco que fose un clásico da literatura universal, ollo. Dixen que do seu talento non se falou nada. De simpatías políticas é do que se falou. Comprendo que iso poida impedirlle ser presidente da Xunta, pero de ningún xeito acadar o lugar que, dacordo co seu palmarés, debera ocupar na literatura galega. E ese lugar son máis de tres liñas.
    Non é tampouco o único caso. Agora comeza a recuperarse parte do que publicou outro "traidor" como foi Wenceslao Fernández Florez no seu día. Tamén a él lle fixeron o vacío pola súa simpatía cara o réxime franquista, por cousas que puido ter feito, pero nunca relacionadas coa súa profesión de escritor.
    Deixémonos de caralladas. Se queremos adicarnos á política, ben. Pero non toquemos con esas sucias mans a literatura. Algún que outro que se tivo que exiliar en Buenos Aires para publicar en galego sabe que iso nunca trae nada bo.

    Posté par beatnik, mercredi 5 janvier 2011 à 11:50 | | Répondre
  • Choradas ou chorradas?

    Ambas. As entrevistas de Conde para promocionar o seu libro e o seu ego nestes últimos tempos están cargadas de choradas e de chorradas. Hai que recuperar o papel das que se laiaban nos enterros. Poñan un canon para que se manteñan as plañideiras en todos os oficios. E nomeen xa plañideiro oficial de Galicia a Alfredo Conde.

    Posté par Alfonso García, mercredi 5 janvier 2011 à 12:58 | | Répondre
Nouveau commentaire