BALCANIZACIÓN EDITORIAL
ABONDOU CON que se anunciase que 2010 sería o ano do libro electrónico, abondou co que a Lei Sinde fracasase no intento de asaltar a cova de Alí Babá e os Corenta Descargadores para que empezasen a agromar editoriais en Galicia. Mentres as cifras de vendas de dispositivos para lectura en pantalla son un misterio en Europa, raro foi o mes do ano pasado no que os axentes culturais non recibisen notificacións con acuse de recibo nos seus buzóns de correo electrónico informándoos da aparición dun selo. Ás veces proviñan de xente que xa estaba no corredor incerto da edición xogándose o patrimonio hai anos, ás veces viñan de principiantes destemidos que mesmo cursaran estudos específicos. O editor é unha figura necesaria na regulación da oferta cultural porque escolle e vehicula os produtos de interese por moito que os neohippies do Creative Commons e os renarteiros dos piratas avoguen por unha cultura asamblearia e ácrata. Recoñezo que temín que a edición e a impresión acabasen por ser oficios para a lembranza, deses que un día alguén dá en meter nun estudo antropolóxico xunto cos zoqueiros ou os teitadores para acordar as nostalxias e as fascinacións dos lectores. Pero non, polo de agora nin se padece un ere unha profesión nin o padece a outra, porque as novas editoras están facendo os seus partos en papel, negro sobre branco. Ás veces os negocios están onde ninguén os viu, e edición continúa sendo redible para os cativos e os especializados. O histórico editor de Penguin, Peter Mayer, augurouno: «O futuro da edición é a balcanización». O sorprendente da afirmación é que, a diferenza dos visionarios do e-book, Mayer expresouna hai dez anos.