Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
16 janvier 2011

A CAIXA DOS LIBROS MORTOS

EDWARD ESTLIN CUMMINGS non tiña nada que agradecer. Odiaba as cousas que non cambiaban, polo que sempre eludiu o emprego fixo e evitaba repetir editor. Ese rexeitamento pola estabilidade empuxouno a ter que publicarse os poemarios malia o recoñecemento unánime que reunía ao seu redor. No thanks, o libro de 1935, comeza con esas dúas palabras de resentimento que encabezan a listaxe cos nomes das catorce editoriais que lle rexeitaran o texto. O anecdotario sobre obras mestras que atoparon atrancos no seu camiño cara ao público resulta variado e, sobre todo, rechamante: A conxura dos necios, Cien años de soledad,... O certo é que se sinalan esas excepcións, pero non os milleiros e milleiros de libros que se editan cada ano sen interese ningún. Moitos deles van acabar na Cidade da Cultura porque, segundo Eisenman, a el perdíranlle sitio para 250.000 volumes e, cando amosou o proxecto, multiplicáronlle o número por catro. Hai un espírito de Guinness que aniña no corazón galego: a feira local ten que ser a meirande. Será por empanada e pulpo! A biblioteca do Gaiás vai ser a maior gutenberiana de cantas se habiliten este ano. Alguén tomou de xeito literal a necesidade de dotar de contidos a peza mestra do arquitecto norteamericano e botouse a meterlle palés mentres en todo o mundo achican espazos coas tabletas de e-books. Eu todos os meses vou cargando o que chamo A Caixa dos Libros Mortos: é unha caixa na que meto os volumes que me aburren. En setembro, cando chegan as mareas vivas, vou á costa e baleiro A Caixa dos Libros Mortos. Xa que non me deron pracer intelectual, esas obras achéganme o goce estético de miralas flotando no mar.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité