Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
19 janvier 2011

"QUE CARALLO LLES PICA AOS ANONYMOUS ESES?"

Norman Mailer chamoume de madrugada. Asustoume que o móbil berrase e prendese luces coma un coche de bombeiros nun arrabaldo escuro. No llo tomei a mal porque os reloxos páranse ao entrar no alén. A súa voz áspera e nerviosa soaba nídia. Preguntoume: “Que carallo lles pica aos Anonymous eses?” Non acertei máis que a bocexarlle un colectivo anarco que ciberataca a todo quen vulnere a súa xustiza poética, dende as empresas que sacaron a publicidade a Wikileaks a partidos que votaron a Lei Sinde. Norman estableceu un paralelismo entre ese movemento e a marcha de 1967 cara ao Pentágono para protestar contra Vietnam. Eu xa llo lera en 'Os exércitos da noite', onde contaba que os manifestantes se crían armados dun gas que animaría aos policías a espirse, pero escoitei polo respecto debido aos finados. A seguir, continuamos falando sobre os medios para opoñerse aos gobernos e confesoume a envexa de que agora podamos queixarnos rebentando webs. Eu pregunteille polo combate de Muhammad Alí e Foreman que el conta en 'Cando fomos reis', observei que aquela loita foi usada por Classius Clay para protestar pola discriminación racial, pero que o facía poñendo a cara co risco de que lla partisen, sen agocharse tras unha careta de antroido veneciano coma os Anonymous. Pero, cando me quixen decatei, deixara de sentir a Norman. Soamente roucaba. Amencía no paraíso.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 432
Publicité